Dereito a Seguir Creando

A plataforma “Dereito a Seguir Creando” reivindica a continuidade activa da xente maior no ámbito intelectual e da creación artística.

A creación artística ten moito que ver coa individualidade e a cidadanía. Vai máis alá da pertenza a un gremio/colectivo ou a posesión dos medios de produción.

Un/ha artista plástico/a, músico/a, cineasta, bailarín/a… como un científico/a, investigador/a… son cidadáns que desenvolven actividades non convencionais.

A creación forma parte intrínseca e indisoluble da súa existencia. Pero a creación artística e científica, para que sexa recoñecida, ten que ter visibilidade.

Se chegada unha idade, por motivos burocrático/administrativos, o creador non pode presentar a súa obra, ou recibir emolumentos que poidan derivar da mesma, aparece un problema de ilexitimación social. Como se esa persoa quedara recluída a un ghetto cronolóxico con sede no ostracismo.

O cobro da pensión de xubilación é un dereito e a súa cuantía ven reflectida polos anos de cotización desa persoa. Non se trata dun cálculo aleatorio, se non que ten unha obxectividade numérica baseada na súa vida activa.

Polo tanto, o cobro da pensión debe ser algo irrenunciable para a persoa que accede a esa etapa da súa vida, pero iso non quer dicir que, na súa madurez e desde o punto de vista creativo ou intelectual non poida seguir desenvolvendo nesa nova etapa vital a súa creatividade e proporcionar a sociedade eses excedentes de coñecemento obtidos ao longo da súa vida.

O cobro da pensión é un dereito adquirido, porque o xubilado abonou durante a súa vida as cotas que lle dan dereito á mesma -sería impensable que unha vez subscrito un plan de pensións privado se prohibira o seu cobro a alguén que levara acabo calquera función de vida activa-, sobre todo cando unha persoa fai intervencións artístico-científicas no que o dumping ou a competencia desleal están ausentes, pois se trata de funcións nas que o valor en si, a personalidade e visión do mundo dese individuo son singulares e non froito dunha mera intervención de característica profesional ou empresarial.

Outra cousa sería que, en función da pensión cobrada, sen retirar esta, que estes creadores, artistas, investigadores… tiveran uns porcentaxes fiscais distintos sobre cada intervención pública realizada.

É dicir, unha persoa que cobrara a pensión máxima oficial, podería ter unha imposición fiscal maior polos seus rendementos artísticos actuais e os dereitos de autoría, que unha persoa en activo, o que outra persoa cunha pensión de menor cuantía.

Esta é unha forma democrática onde os que máis reciben da pensión do estado, contribúen con máis á sociedade polas súas intervencións do presente. Non é lóxico actuar de forma coercitiva desde a miseria da pensión, cousa que prexudica sobre todo aos máis débiles.

E dicir, a aqueles con menores rendas que, por ese sistema, non poden complementar as súas pensións contributivas ou non contributivas, co que poidan xerar desde a súa intervención artística. Isto non quere dicir que esas novas intervencións, tal como sinalamos anteriormente, non teñan que ter unha imposición, claro que si, pero a pensión quedaría, como debe ser, intocable e protexida.

Cando se limita a creación en base ao “edadismo” estase a causar un dano de proporcións incalculables ao desenvolvemento intelectual do país, impedindo que os autores e creadores de calquera ámbito artístico ou científico, poidan seguir achegando nunha etapa da súa vida na que o grao de madurez, experiencia e sabedoría pode ser utilizado para mellorar unha sociedade cada vez máis necesitada de creación, experiencia e peso intelectual.

Xaime Fandiño.

2018-11-30T12:16:00+00:00noviembre 26th, 2018|Sin categoría|

About the autor:

Deja tu comentario